Friday 29 de March de 2024

O Concello de Lousame inviste 49.000 euros na mellora da estrada entre as localidades de Vilacoba e Vilar de Reconco


Melloráronse tamén os accesos á localidade de Vilar de Reconco

O Concello de Lousame vén de investir 49.000 euros na mellora de dous tramos da estrada de Vilacoba a Vilar de Reconco. Unhas obras executadas á empresa Farido SL e que están financiadas con cargo ao Plan Único de Concellos POS+ 2020.

As obras consistiron na mellora da capa de rodaxe dun quilómetro desta estrada con seis centímetros de aglomerado en quente en toda a plataforma, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. A actuación comeza na intersección da estrada Vilacoba-Vilar de Reconco coa AC-308 Noia-Padrón, onde se aglomeraron os primeiros 850 metros, así como un abanico de 15×5 metros para mellora da seguridade viaria na zona.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “a maiores aglomeramos os accesos á aldea de Vilar de Reconco, continuando así co noso programa de mellorar os accesos e humanizar o interior das nosas distintas aldeas”. Neste caso, a actuación centrouse nas dúas estradas de entrada a Vilar de Reconco, que recibiron tamén unha mellora con aglomerado en quente.